.

O Master en Renovación Urbana e Rehabilitación é un título propio da Universidade de Santiago de Compostela que se imparte desde o ano 2005. É un desenvolvemento do Aula de Rehabilitación iniciado en 1997. Está patrocinado polo Concello de Santiago de Compostela, Xunta de Galicia e Consorcio de Santiago e conta coa colaboración das Áreas de Rehabilitación Integral de Galicia, Concellos galegos e dos Camiños de Santiago. Nas súas sete edicións ten formado máis de 300 técnicos de diversas especialidades.

Enlace web USC http://www.usc.es/cptf/Postgrado/CursosPostgrado/Datos2009/Cp29612009-2010g.htm

www.renovacionurbana.net

Presentación

A conciencia de que o modelo actual de desenvolvemento baseado no crecemento “infinito” produce unha pegada ecolóxica en constante aceleración e de que o desenvolvemento urbano asociado a ese modelo, cos problemas que se derivan de interrelacións e mobilidade, entre outros, conduce a novas liñas de pensamento, en gran medida experimental, que volven reflexionar sobre a cidade compacta e xa consolidada. O noso modelo está en crise e o noso concepto de cidade “moderna” tamén.

Como modelo por excelencia da cidade compacta, derivada da cultura europea e mediterránea, temos as nosas cidades históricas. O concepto de cidade histórica evolucionou rapidamente nos últimos tempos, ata chegar a incluír, por exemplo, tecidos residenciais e industriais do século XX e, tamén, crecementos urbanos sucesivos, ou ensanches, estruturados en torno a un núcleo antigo que lles serviu de semente.

Dentro desta corrente de pensamento, o Master en Renovación Urbana e Rehabilitación baséase na experiencia práctica, a través dun taller de traballo e reflexión sobre o feito urbano e a súa complexa relación co territorio. A experiencia do taller apóiase no desenvolvemento de proxectos reais –a proposta das administracións públicas ou de particulares en casos de interese–, cun forte soporte teórico complementario.

alumnos master 2008-2009
Alumnos do curso 2008-2009 durante unha visita de obra

O taller céntrase en traballos realizados en equipos. Os temas varían desde a rehabilitación de edificios con uso de vivenda ata a recuperación de espazos urbanos degradados. Preténdese abarcar as distintas escalas, desde o estudo de detalles construtivos ata memorias de investigación sobre termos da construción ou técnicas que se están perdendo, ou cuestións legais ou administrativas relacionadas cos proxectos.

O Master en Renovación Urbana e Rehabilitación está dirixido a todos os técnicos e axentes que participan nos procesos de renovación urbana e rehabilitación: arquitectos, arquitectos técnicos, historiadores, historiadores da arte, xeógrafos, economistas, arqueólogos, enxeñeiros, enxeñeiros técnicos, avogados, técnicos ao servizo das administracións públicas e funcionarios, etc., ademais de construtores, aplicadores de técnicas como albaneis, pintores, canteiros ou carpinteiros e outros, ademais de técnicos de empresa.

Obxectivos

O principal é que os participantes adquiran experiencia e criterio en cuestións de formación dos cidadáns e da cidade modernos, partindo do coñecemento da tradición e das técnicas modernas de construción e de xestión, tanto para os núcleos históricos, nos problemas da súa conservación e habitabilidade como, ao mesmo tempo, para a capacidade de acción coherente cos actuais modos de vida e o desenvolvemento urbano responsable, mediante os seguintes instrumentos:

- Afondar no coñecemento dos centros históricos e das técnicas e sistemas adecuados para intervir neles.

- Abrir o debate e discorrer sobre os procesos de renovación urbana, como transformación continua, solidaria, na que deben participar todos os implicados.

- A conciencia de que o proceso debe ser sostible e exportable.

Información e contacto:

Secretaría do Master en Renovación Urbana e Rehabilitación

Universidade de Santiago de Compostela

Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Avda. Burgo das Nacións s/n Campus Norte

15782 Santiago de Compostela

email: renovacionurbana@gmail.com

teléfono: 664 000 463

www.masterenrenovacionurbana.com

www.renovacionurbana.net


Seguir

Get every new post delivered to your Inbox.